Saturday 18 de May de 2024

Inés Santé destaca as achegas dos axentes sectoriais ao proceso de participación pública das Directrices da Paisaxe de Galicia


A directora do Instituto de Estudos do Territorio convidou a profesionais e expertos de sectores ligados á paisaxe a participar na configuración desta ferramenta que busca xestionar e ordenar o valor das distintas paisaxes de Galicia

A directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, puxo en valor esta mañá a participación e as achegas ao proceso de participación pública das Directrices da Paisaxe de Galicia dos axentes sectoriais que inciden na mesma de xeito transversal, co obxectivo de coñecer a opinión dos diferentes sectores profesionais sobre a xestión actual da paisaxe no seu ámbito e as posibilidades de mellora da mesma.

Así o destacou durante a súa intervención nunha xornada técnica sobre as Directrices da Paisaxe de Galicia, celebrada esta mañá en Santiago, á que se convidaron a colexios profesionais, asociacións e sindicatos agrícolas e forestais, organizacións ecoloxistas, asociacións do sector enerxético e mineiro, asociacións vinculadas co patrimonio cultural e natural. O fin último destes encontros é recoller suxestións e achegas dos colectivos máis estreitamente relacionados coa xestión da paisaxe.

Salientou que os axentes sectoriais son unha fonte básica de información pola súa dedicación profesional, experiencia e coñecemento, polo que o traballo conxunto – establecendo un procedemento de intercambio de ideas e información- aportará unha información moi relevante de cara á elaboración das Directrices da Paisaxe.

Recordou que a Xunta de Galicia, a través do Instituto de Estudos do Territorio, está a a desenvolver estas Directrices como un dos instrumentos establecidos pola Lei de Protección da Paisaxe de Galicia para a xestión e ordenación das paisaxes galegas.

Tal e como fixera –entre setembro e novembro de 2015- para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, está aberto un período de participación cidadá para a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, nesta etapa orientado á elaboración das Directrices de Paisaxe, que se está a desenvolver fundamentalmente a través de dous instrumentos: unha plataforma web participativa e a celebración de 50 obradoiros –similares ao organizado esta mañá-, en cada comarca paisaxística.